As Grazas, descritas na Teogonía de Hesiodo, eran tres: Aglaya, que significa resplandecente, Eufrósine, que quere dicir gozosa e Talía, que significa florecente. Nadas dun dos amores de Zeus, as tres Grazas eran virxes puras que vivían cos deuses, asistían aos banquetes e espertaban a alegría de vivir. Estaban ao servizo de Afrodita, a deusa do amor e nunca coñecían o aburrimento.
Rubens representounas xunto a unha fonte, baixo unha grilanda de flores e ante un fondo de paisaxe. As figuras están inspiradas na escultura clásica, visible na intención de reproducir a frialdade do mármore nas súas carnes. O ritmo circular e a elegante ondulación son características habituais no artista, aspectos que se unen ás formas grandilocuentes e as cores cálidas que incorpora o pintor nas obras dos seus últimos anos.
A figura da esquerda está directamente inspirada na segunda esposa do artista, Helène Fourment. A obra pintada pouco despois do seu matrimonio evidencia a felicidade vital do artista que se traduce na sensualidade das súas pinturas deste momento. Permaneceu en poder do propio pintor ata a súa morte en 1640, sendo despois adquirida para Filipe IV e levada a España.